As Pontes Emprende volve con 40.000 euros para apoiar novos negocios e consolidar proxectos empresariais

A duodécima edición do programa municipal ofrece axudas de ata 4.000 euros por proxecto e dá continuidade a unha iniciativa que xa apoiou preto de 130 proxectos e a creación de máis de 150 empregos
Gente trabajando en una oficina | Pixabay
Gente trabajando en una oficina | Pixabay

O Concello das Pontes abre unha nova edición de As Pontes Emprende, o programa municipal de apoio ao emprendemento que este ano contará cunha dotación de 40.000 euros. A iniciativa busca facilitar a posta en marcha de novas actividades económicas, apoiar ás persoas autónomas nos primeiros momentos e contribuír á creación de emprego e ao fortalecemento do tecido empresarial local.

A convocatoria chega á súa duodécima edición desde a súa posta en marcha en 2015, consolidándose como unha das principais liñas municipais de apoio ás persoas que deciden iniciar ou consolidar un negocio nas Pontes.

Ao longo das súas diferentes edicións, o programa mobilizou xa 389.000 euros, apoiou preto de 130 proxectos emprendedores e favoreceu a creación de máis de 150 postos de traballo directos, en ámbitos como o comercio, a hostalaría, a construción ou os servizos profesionais.

Dúas liñas para facilitar a posta en marcha

As Pontes Emprende 2026 articúlase en dúas modalidades de axuda, pensadas para cubrir parte dos principais gastos aos que deben facer fronte os novos negocios.

A liña Impúlsate está destinada a subvencionar os gastos de alugueiro dos locais ou espazos nos que se desenvolva a actividade, cunha axuda máxima de 2.000 euros por proxecto.

Pola súa banda, a liña Instálate permite financiar gastos relacionados co inmobilizado material e cos investimentos necesarios para adecuar locais e instalacións, tamén cun límite de 2.000 euros.

Deste xeito, as persoas ou entidades que cumpran os requisitos establecidos poderán acceder a ata 4.000 euros de axuda se se benefician das dúas liñas.

Apoio nos primeiros pasos dos negocios

O programa está dirixido a persoas empresarias individuais e pequenas e medianas empresas que desenvolvan a súa actividade no termo municipal das Pontes e cumpran as condicións establecidas nas bases.

Entre os requisitos figuran cuestións relacionadas coa antigüidade dos proxectos, a localización da actividade e o tipo de gastos que poden ser subvencionados, así como o compromiso de manter a actividade durante o período fixado na convocatoria.

As achegas buscan así reducir parte das dificultades económicas que afrontan os proxectos nos seus primeiros momentos e favorecer tanto a creación de novos negocios como a súa viabilidade e consolidación.

Solicitudes ata o 30 de setembro

As bases de As Pontes Emprende 2026 foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 10 de agosto. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 30 de setembro de 2026, seguindo os procedementos establecidos na convocatoria.

Para resolver dúbidas, consultar as bases ou recibir apoio durante a tramitación, as persoas solicitantes poderán acudir ao Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), que ofrece asesoramento técnico durante o proceso.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.