O Concello das Pontes, o IES Castro da Uz, a Asociación de Empresarios e Usuarios de Suelo Industrial de As Pontes (Seara) e as empresas Estructuras Metálicas del Norte, Fitter Montajes Estructurales, Acebrón Calderería, Metalúrgica Pontesa e Prometal veñen de asinar un acordo para solicitar á Xunta de Galicia a ampliación da oferta educativa no municipio.
Este documento nace do compromiso dos axentes políticos, económicos e sociais da vila para, en palabras do tenente de alcalde, Antonio Alonso, “acompasar todos os intereses das Pontes, nunha época de incertidume, para contar cunha oferta formativa de calidade que permita xerar profesionais cualificados que respondan ás necesidades das empresas da contorna”.
As entidades impulsoras deste acordo solicitan á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, como medida de mellora da empregabilidade dos veciños da vila, a implantación do ciclo de formación dual de soldadura e caldeirería.
Unha demanda en aumento
Desde o Concello subliñan que “é preciso que a Xunta de Galicia aposte por As Pontes formando a profesionais no ámbito da soldadura e caldeirería, a través de formación téorica e práctica, que permita atender ás demandas dun tecido empresarial que solicita man de obra cualificada para vacantes de difícil cobertura”.
Neste senso, o goberno muncipal comprométese a dotar ao centro educativo Castro da Uz, das ferramentas técnicas e espazos precisos para a posta en marcha do ciclo formativo de soldadura e caldeiraría e a intermediar laboralmente co tecido empresarial e os demandantes de emprego. Pola súa banda, as empresas asinantes do acordo facilitarán a formación dual do alumnado do ciclo de soldadura e caldeiraría nos seus centros de traballo, acollendo un mínimo de doce persoas.
Neste acordo, os axentes económicos e sociais das Pontes socilitan o mantemento dos ciclos formativos que se imparten no municipio, como son o grao profesional básico de informática de oficina, grao medio de electromecánica de vehículos automóbiles, grao medio de sistemas microinformáticos e redes, grao superior de administración e finanzas e grao superior de mantemento electrónico.
Discussion about this post