Detidos dous veciños de As Somozas e As Pontes como autores de numerosos roubos en Ferrolterra

A Garda Civil puxo en marcha unha operación na que se incautaron de numeroso material industrial e forestal
164940_100594_agentes-junto-a-algunos-de-los-objetos-robados_g

A Policía Xudicial da Garda Civil ten en marcha unha operación cuxo epicentro está localizado no municipio das Somozas, onde os axentes acharon multitude de obxectos provenientes de roubos perpetrados por toda a comarca de Ferrolterra, tanto en naves industriais como en negocios menores e mesmo a particulares.

Segundo confirmaron fontes da Benemérita, a operación comezou o pasado luns, 17 de febreiro, cando os axentes da Garda Civil acudiron pola tarde ao posto de traballo dun veciño das Pontes de García Rodríguez, situado nesta mesma localidade, e leváronllo detido.

Por outra banda, durante a tarde deste martes, 18 de febreiro, axentes da Policía Xudicial desprazáronse ata unha vivenda unifamiliar situada no lugar de O Coto, nas Somozas, onde realizaron, ademais de en varias edificacións anexas, un rexistro e detiveron a un mozo residente no devandito lugar. O rexistro reactivouse na mañá deste mércores, día 19.

En paralelo, tamén se procedeu ao precintado doutra adega situada no lugar de Pastoriza, no municipio das Somozas, e que tiña alugada o mozo detido o luns, que quedou en liberdade.

Varios testemuños apuntaron que os axentes da Garda Civil leváronse diverso material da zona de O Coto e tiveron que utilizar un pequeno camión para poder transportalo. Supostamente no lugar localizaron ferramentas, moitas delas utilizadas en labores forestais e de xardinería, ademais de industriais. Esta operación causou unha gran sorpresa entre os veciños das Somozas, que continúa aberta e na que non se descartan novas detencións.

Relacionadas