O libro «Daquela As Pontes» recolle a memoria fotográfica da vila

A obra, editada pola Deputación, foi presentada no museo etnográfico Monte Caxado
D8VvqgRU0AAj7fJ

O museo etnográfico Monte Caxado acolleu a presentación do libro «Daquela As Pontes», o resultado final dun proxecto homónimo de recuperación da memoria colectiva a través de fotografía antiga, posto en marcha pola Concellería de Participación Cidadá no ano 2016.

A publicación condensa unha pequena selección de 200 imaxes, agrupadas en 15 áreas temáticas  -a escola, a música, o deporte, o campo, a familia, as rúas, as festas, as tradicións, o transporte, o traballo e a industria- a través das que se busca lembrar a historia da vila durante o século XX.

O libro «Daquela As Pontes» é froito da colaboración da veciñanza pontesa que, durante un ano e medio, compartiron en 36 obradoiros celebrados nos locais das distintas asociacións veciñais do núcleo urbano e das parroquias rurais, tanto copias das súas fotos familiares como aos seus recordos de infancia e xuventude, para crear un álbum de imaxes e lembranzas das Pontes, materializado tamén nunha páxina web e nunha exposición que estivo instalada no Parque Municipal durante as Festas do Carme no ano 2017.

O libro «Daquela As Pontes» é froito da colaboración da veciñanza pontesa durante máis dun ano e medio

Durante este acto, que contou coa presenza dunha nutrida representación dos veciños e veciñas que fixeron posible o proxecto, a concelleira de Organización Interna e Medios Locais,  Lorena Tenreiro, quixo agradecer á veciñanza a súa colaboración e facer realidade un fermoso proxecto, «cedendo desinteresadamente as fotografías, amosando pedaciños da vosa vida, da vosa historia que é a historia de todos, a historia das Pontes».

Asemade a edil subliñou que esta publicación «serve para comprendernos, para emocionarnos e por suposto para honrar as nosas raíces e os nosos antepasados e responde ao desexo do Concello preservar e divulgar entre as xeracións máis novas o noso pasado, repleto de historias persoais e colectivas de superación, sacrificio e carencias pero tamén de momentos alegres, nunha sociedade moi diferente á actual, que deben e merecen ser recordados».

Ao remate do acto, o Concello fixo entrega dun exemplar da publicación, que será empregada polo consistorio para promocionar á vila, a cada un dos veciños e veciñas que cederon fotografías para o proxecto Daquela As Pontes.

A publicación, editada pola Deputación da Coruña, xa está á venda en diferentes plataformas online.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.