Un piquete de operarios, transportistas e sindicatos bloquea a central de Endesa en As Pontes

Concentráronse nos dous accesos á central para impedir que se sacaran do recinto dúas bombas dos grupos xeradores 3 e 4

Un grupo duns cincuenta operarios, transportistas, sindicalistas e ata representantes empresariais e políticos participaron este mediodía nun piquete na central térmica de Endesa para impedir que a empresa desmantelara parte da desulfuradora recentemente instalada.

Un aviso dos traballadores alertou de que dentro do recinto se estaba levando a cabo a desmontaxe dunhas bombas da desulfuradora dos grupos 3 e 4 da planta o que motivou que varios transportistas bloquearan os dous accesos para impedir a retirada destas pezas.

Segundo explicaron desde a CIG, este intento de desmontar eses grupos vai en contra do compromiso adquirido esta mesma semana por Endesa de que manter a actividade na central tralas probas cos biocombustibles. “Non entendemos que digan que en xullo van facer as probas para ver a viabilidade da central e dous días despois empecen a desmontar os grupos 3 e 4”, explicou Alberte Amado, responsable da Federación de Industria da CIG.

Desde Endesa explicaron que as probas comprometidas con biocombustibles vanse realiza con grupos 1 e 2, que seguen operativos e que funcionan de acordo coa Directiva de Emisións Industriais (DEI). Ademáis, reiteran que “non é viable técnicamente manter unha central de biocombustibles con catro grupos en funcionamento”, din fontes de Endesa, e recordar que os grupos 3 e 4 poderían estar en funcionamento ata o ano que ven “xa que están adscritos ao mecanismo de 1.500 horas de operatividade ao ano”.

Sen embargo desde a CIG creen que a intención de Endesa é “empezar a desmantelar a central porque dan por feito o seu peche”. “Anular estes dous grupos é hipotecar o futuro da central”, insistiu Amado. A dirección da empresa mantivo unha breve reunión improvisada cos operarios e sindicalistas que secundaban a protesta e chegaron ao acordo de non mover ningunha peza da central ata que se realicen as probas de biocombustibles e carbón no próximo mes de xullo.

 

Salir de la versión móvil