O Concello de Cabanas ven de abrir o prazo para solicitar ou renovar as tarxetas de residentes, unha acreditación que permite á veciñanza aparcar nas zonas delimitadas a tal fin, situadas na avenida da Madalena e diante do Centro de Saúde.
As persoas que desexen renovar a tarxeta de residente ou solicitala por primeira vez deberán presentar o impreso que se pode descargar desde a web cabanas.gal, e presentalo no Rexistro, presencial ou telematicamente a través das sede electrónica.
En canto á documentación que deben presentar, as persoas que renoven a súa tarxeta deberán anexar á solicitude copia do último recibo do seguro; para novas solicitudes, ademáis da copia do último recibo do seguro, deberase entregar tamén unha copia do permiso de circulación, da ficha técnica e da ITV, e do DNI.
O prazo para tramitar ambas solicitudes remata o 31 de marzo.
Discussion about this post