Cabanas dá tres meses de prazo para limpar a maleza nas beiras das pistas

Pasado ese tempo, será o propio Concello quen se encargue dos traballos, trasladando o seu custe ás persoas titulares das fincas

O Concello de Cabanas vén de publicar un bando no que lembra a obriga de cumprir coas distancias entre plantacións e vías públicas, tal e como se recolle na normativa da Xunta sobre prevención de incendios, e dá tres meses de prazo á veciñanza para limpar o arborado e maleza ás beiras das pistas municipais.

Tal e como se recolle na lei, os terreos limítrofes con pistas e estradas deben estar libres de arborado nunhas distancias que van, dependendo do tipo de vía e da especie, desde os 2 até os 10 metros  do dominio público. Así, os eucaliptos e piñeiros deben afastarse un mínimo de 10 metros das estradas e vías do ferrocarril, e cando menos 4 metros das pistas forestais. Doutra banda, castiñeiros, carballos, cerdeiras, bidueiros e outras frondosas caducifolias, a obriga de separación é de 4 metros con respecto ás estradas e 2 das pistas forestais.

“Os temporais das últimas semanas amosaron os problemas dese incumprimento, cun gran número de incidencias por caídas de árbores sobre pistas e tendidos eléctricos e telefónicos que se poderían ter evitado se se cumprise a lei autonómica en canto a distancias entre fincas e pistas” sinalou a concelleira de servizos, Eva García.

Por iso desde o Concello de Cabanas dáse un prazo de tres meses, até o 31 de marzo, para que as persoas propietarias dos terreos a carón das pistas eliminen pola súa conta todas as árbores que poden poñer en perigo a seguridade. Pasado este prazo voluntario, será o propio Concello quen se ocupe de cortar as árbores que estean dentro do dominio público, e de de ser o caso trasladando o custe dos traballos ás persoas titulares dos mesmos.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.