Cabanas celebrará este domingo, 18 de decembro, o seu “III Mercado de Nadal” unha cita na que as visitantes poderán descubrir e mercar produtos de artesanía e proximidade, ademais de desfrutar de actividades complementarias ao longo do día. O mercado estará aberto ao público entre as 11:00 e as 19:00 horas no Pavillón de Lavandeira, tempo no que as persoas que se acheguen poderán facer as súas compras de agasallos.
Ademais, desde o mediodía estará aberto ao público a foodtruck AUTGA, con hamburguesas de vaca cachena e outras elaboracións, e á tarde haberá unha chocolatada con churros. En colaboración coa Asociación de Mulleres Cabanas Rural, arredor das 17:00 horas chegará o Apalpador para atoparse coas crianzas, as cales recibirán un pequeno agasallo.