O Concello de Monfero volve facilitar á veciñanza a realización de trámites de documentación sen necesidade de desprazarse fóra do municipio. O Vehículo Integral de Documentación (VIDOC) da Policía Nacional instalarase de novo xunto á Casa do Concello o luns 7 de setembro, onde atenderá as solicitudes de expedición e renovación do DNI e do pasaporte.

A atención será de 9:00 a 13:00 horas e con cita previa. As persoas interesadas xa poden solicitar a súa cita chamando ao 981 793 885 ou acudindo directamente ás oficinas municipais.
O servizo permite realizar todo o trámite nunha única cita, polo que é importante acudir con toda a documentación necesaria. Será preciso levar unha fotografía, o DNI no caso de renovación e as taxas correspondentes en efectivo, ademais da documentación específica que se requira en cada caso.
No caso das taxas, o pasaporte ten un custo de 30 euros e o DNI de 12 euros. Esta última taxa non se aplica cando a renovación se debe a un cambio de domicilio e o documento aínda está en vigor. As familias numerosas poden realizar o trámite de maneira gratuíta.
Desde o Concello lembran a importancia de solicitar cita con antelación, xa que as prazas de atención están limitadas. Con esta iniciativa, Monfero facilita á veciñanza o acceso a un trámite habitual e evita desprazamentos a outras localidades.