As obras para renovar a rede xeral de saneamento de toda a fachada marítima do Concello de Pontedeume comezaron o pasado mes de novembro.
En concreto, os traballos servirán para renovar a rede de saneamento e a separativa de augas pluviais desde o paseo marítimo de Pontedeume, á altura da praza do maestro Álvaro Vázquez Penedo, ata Sopazos, á altura do club Firrete. O orzamento destas obras ascende a 4,2 millóns de euros.
“Falamos dun dos maiores investimentos en Pontedeume nos últimos anos, despois de moitas xestións desde o concello comeza unha actuación importante para a vila”, afirma o alcalde, Bernardo Fernández.
Os traballos inclúen a construción dun novo tanque de tormenta de 1.600 metros cúbicos de capacidade
As obras servirán para ampliar a capacidade da rede e evitarán as infiltracións de auga mariña no colector, unha circunstacia que ata o de agora alteraba o proceso biolóxico da depuradora e repercutía no seu funcionamento.
“A actuación terá unha gran beneficio sobre a actividade de marisqueo e por suposto desde un punto de vista medioambiental, xa que evitaremos os verquidos de augas fecais no estuario do Eume e en toda a fachada marítina”, afirma o alcalde de Pontedeume.
Relacionado: Pontedeume necesita acometer “a curto prazo o dragado da ría”