Correos admitiu 70.326 peticións na comunidade, unha cifra significativamente inferior á alcanzada nos comicios de xullo de 2023, marcados polas vacacións estivais, pero que continúa por enriba dos datos rexistrados nas eleccións xerais celebradas en novembro do 2019.
Os datos mostran unha redución de máis da metade respecto ás eleccións de 2023, cando se contabilizaron máis de 146.000 solicitudes en Galicia. Con todo, o volume actual supón un incremento próximo ao 48% en comparación coas 47.609 peticións rexistradas hai sete anos nun contexto electoral semellante. Do total de solicitudes admitidas, máis de 48.000 foron tramitadas presencialmente nas oficinas postais da comunidade, mentres que algo máis de 22.000 se realizaron por vía telemática a través da plataforma habilitada por Correos.
A Coruña lidera o número de peticións
A provincia da Coruña concentra a maior parte das solicitudes de voto por correo, con 28.824 expedientes admitidos. Dela, case 19.000 foron xestionados nas oficinas postais e preto de 10.000 mediante internet. Pontevedra sitúase en segundo lugar, con 23.368 solicitudes. Lugo alcanzou as 9.286 peticións e Ourense as 8.848, cifras que reflicten unha distribución territorial semellante á doutros procesos electorais recentes.
Máis dun millón de solicitudes no Estado
No conxunto estatal, Correos contabilizou 1.099.687 solicitudes de voto por correo. A cifra representa unha caída superior ao 58 % respecto ás eleccións xerais de 2023, aínda que supera en máis dun 11 % os rexistros obtidos nos comicios de novembro de 2019. A compañía postal destaca tamén o peso crecente da tramitación dixital. Das peticións admitidas en todo o Estado, máis de 364.000 realizáronse a través da súa páxina web, mentres que algo máis de 735.000 foron formalizadas presencialmente.
Chegan os últimos días para enviar o voto por correo
O prazo para solicitar o voto por correo concluíu o 19 de novembro. As persoas que opten por exercer o seu dereito ao voto por correo dispón aínda de prazo para remitir a documentación electoral. Tras a ampliación acordada pola Xunta Electoral Central, os sobres poderán depositarse ata as 14.00 horas do xoves 26 de novembro, tres días antes da celebración das eleccións xerais.
