Pontedeume rehabilitará o antiguo hospital como albergue de peregrinos

A intervención levarase a cabo grazas a un convenio coa Deputación da Coruña, cun investimento total de 375.360 euros

Antiguo hospital de Pontedeume | CEDIDA

Nun importante paso para potenciar o turismo e a economía local ligada ao Camiño de Santiago, o Concello de Pontedeume, co seu alcalde á fronte, Bernardo Fernández Piñeiro, e a Deputación da Coruña, representada polo seu presidente Valentín González Formoso e o vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, formalizaron un convenio de colaboración que dará luz verde á rehabilitación do antigo hospitalillo da localidade. O obxectivo principal deste proxecto é convertelo nun albergue destinado aos numerosos peregrinos que cruzan a vila.

O investimento total das obras ascenderá a 375.360 euros, que serán financiados íntegramente pola Deputación da Coruña mediante os fondos Next Generation EU, pertencentes ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. Estes fondos, que teñen como fin potenciar e revitalizar zonas con potencial turístico e histórico, serán un pulmón económico para acometer un proxecto tan ambicioso e necesario para Pontedeume.

Bernardo Fernández manifestou a súa satisfacción e optimismo logo da firma do convenio: “A sinatura deste acordo representa un paso firme cara ao futuro de Pontedeume. Licitaremos esta obra de inmediato para darlle unha nova vida ao antigo hospitalillo, transformándoo nun albergue que servirá para acoller aos moitos peregrinos que escollen o noso concello como parte do seu percorrido no Camiño de Santiago”.

Ademais, Fernández quixo facer especial mención e agradecemento ao Goberno de España polo financiamento do Plan de Sustentabilidade Turística (PSTD) das Fragas do Eume, presentado pola Deputación da Coruña. Este plan, que ten como obxectivo a promoción e protección do rico patrimonio natural e cultural da zona, posibilitará que “Pontedeume conte cun albergue de peregrinos moderno, cómodo e totalmente rehabilitado, pero sen perder a esencia e historia do emblemático emprazamento no que se ubica”, concluíu Fernández.

A rehabilitación deste emblemático edificio e a súa posterior conversión nun albergue de peregrinos suporá unha inxección de vitalidade para o concello, impulsando o turismo e reforzando a importancia de Pontedeume como punto estratéxico no Camiño de Santiago.

Salir de la versión móvil