O Concello de Ferrol e a Subdelegación do Goberno da Coruña ratificaron a participación da Policía Local deste municipio no sistema Vioxen de loita contra a violencia de xénero, segundo acordou a Xunta Local de Seguridade reunida baixo a presidencia do alcalde Ángel Mato e a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo.
O sistema Vioxen permite á Policía Local dispoñer de máis información sobre todos os casos activos de violencia machista, de tal maneira que os propios policías locais asumen o seguimento e control dalgúns destes casos, xeralmente daqueles que sexan considerados de nivel de risco baixo, mentres que a Policía Nacional se encarga dos casos máis graves.
Este protocolo establécese tras a creación da Mesa Local de Coordinación Policial na que están presentes a Policía Local e a Policía Nacional, ademáis da Policía Nacional Adscrita, e que ten como finalidade principalincrementar a coordinación e a propia loita contra a violencia machista, posibilitando un mellor aproveitamento de todos os recursos dispoñibles para previr este tipo de violencia a nivel local.
Ao remate da reunión, a subdelegada do Goberno trasladou aos representantes das forzas e corpos de seguridade presentes na mesa o seu agradecemento polo traballo e polo esforzo desenvolvido nos últimos meses, incidindo na importancia de manter a excelente coordinación existente entre todas as forzas. O alcalde de Ferrol tamén agradeceu á Policía Nacional e á Subdelegación do Goberno a súa cooperación leal e traballo durante as semanas nas que estivo vixente o estado de alarma garantindo que este periodo se desenvolvera en condicións de seguridade cidadá.
Discussion about this post