O Concello de Cedeira abriu o prazo de inscrición para participar nas primeiras actividades de Respira Cedeira, un programa que busca dar a coñecer e poñer en valor os recursos naturais, culturais e mariñeiros do municipio mediante rutas temáticas polo seu litoral.
A proposta combina o contacto coa natureza coa divulgación e a sensibilización ambiental, co obxectivo de achegar á cidadanía os valores singulares do territorio e fomentar a conciencia sobre a importancia de conservar os seus ecosistemas. As actividades abordarán cuestións como a biodiversidade, o impacto da actividade humana no medio, a tradición mariñeira e o patrimonio vinculado ao mar.
Seis rutas para descubrir a Serra da Capelada
A primeira fase do programa estará centrada na flora, a fauna e os valores ambientais da Serra da Capelada. Entre o 24 de outubro e o 8 de novembro desenvolveranse seis rutas guiadas por distintos espazos do municipio, con percorridos e niveis de dificultade variados.
As persoas participantes poderán descubrir a riqueza paisaxística da contorna, afondar no coñecemento das especies e dos ecosistemas locais e reflexionar sobre cuestións relacionadas coa conservación ambiental e a contaminación.
As actividades serán gratuítas, con inscrición previa e prazas limitadas. As solicitudes atenderanse por rigorosa orde de inscrición e a praza só quedará confirmada cando a organización envíe a comunicación expresa de aceptación.
O patrimonio mariñeiro centrará a segunda fase
Respira Cedeira continuará cunha segunda programación de rutas temáticas dedicadas á actividade mariñeira e ao patrimonio vinculado ao mar. O prazo de inscrición para estas propostas anunciarase proximamente.
A programación prevista inclúe dous percorridos polo porto de Cedeira e a zona do Castro de Sarridal, os días 5 e 6 de novembro ás 16.30 horas, así como dúas edicións da ruta Cedeira Mariñeira, os días 7 e 8 de novembro ás 11.00 horas.
Estas actividades permitirán coñecer espazos singulares ligados á memoria mariñeira local e afondar na relación histórica, social e económica de Cedeira co mar.
Dar visibilidade aos sectores pesqueiro e marisqueiro
Con esta iniciativa, o Concello pretende contribuír a visibilizar os sectores pesqueiro e marisqueiro, especialmente entre as novas xeracións, promover os produtos locais e destacar a importancia da profesionalización e do relevo xeracional. Busca así reforzar o vínculo da cidadanía co territorio e favorecer o coñecemento dos recursos naturais e culturais que forman parte da identidade de Cedeira.
O programa enmárcase no proxecto municipal «Respira Cedeira: Descubrindo a riqueza do litoral a través dun programa de rutas tematizadas».
A iniciativa está financiada pola Consellería do Mar e polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), a través das axudas xestionadas polo GALP A Mariña-Ortegal.