Cedeira celebra o Samaín máis tradicional este venres e sábado no Paseo da Mariña

Obradoiros, música, teatro, unha exposición de cabazas e o popular pasarrúas de pantasmas encherán de actividades as tardes do 30 e 31 de outubro, nunha festa que reivindica as tradicións galegas fronte ao Halloween anglosaxón
Celebración del Samaín en Cedeira
Imaxe dunha pasada celebración do Samaín en Cedeira | Concello de Cedeira

O Paseo da Mariña de Cedeira converterase este venres e sábado no centro da celebración do Samaín máis tradicional, cun programa pensado para que pequenos e maiores recuperen os costumes cos que, segundo a tradición, os avós celebraban estas datas. Tallar cabazas e melóns, fiar zonchos, compartir unha merenda e participar no pasarrúas polo casco vello serán algunhas das propostas desta festa.

A programación, organizada polo Concello de Cedeira coa Asociación de Amigos do Samaín, combinará actividades infantís, música, teatro e tradición, coa intención de manter viva a identidade propia desta celebración e afastarse dos artificios do Halloween anglosaxón.

Venres de obradoiros, música e teatro

As actividades comezarán o venres ás 17.30 horas, nas carpas instaladas no Paseo da Mariña. A esa hora abrirán os obradoiros de pintura, zonchos e elaboración de coroas, nos que poderán participar os nenos e nenas que o desexen.

Ás 20.00 horas chegará a quenda do espectáculo familiar A Casa do Terror, no que Xoán Curiel e A Banda do Verán mesturan ritmos rockeiros inspirados nas bandas sonoras de películas de terror dos anos cincuenta e sesenta con diferentes recursos teatrais. A proposta foi recoñecida co Premio Martín Códax da Música Galega en 2019, na categoría de mellor música infantil.

A xornada incluirá tamén unha cita literaria na Biblioteca Municipal de Cedeira. Ás 19.00 horas, o escritor Daniel Bustabad Pazos presentará o seu libro Migueliño no Samaín, un conto centrado na celebración desta festa na propia localidade.

Cabazas, merenda e caracterizacións o sábado

O sábado 31, a programación comezará ás 17.00 horas no Paseo da Mariña. Desde ese momento, as persoas asistentes poderán achegar as súas cabazas talladas para participar na exposición, unha mostra que cada ano destaca pola creatividade das propostas.

Tamén haberá obradoiros de tallado e decoración de cabazas, nos que os máis pequenos poderán preparar os seus calacús e caracterizarse como auténticas aparicións. A tarde completarase cunha merenda tradicional con bola de azucre e requeixo.

O pasarrúas de pantasmas, o momento máis agardado

Un dos momentos máis singulares da festa chegará ás 20.30 horas, co tradicional pasarrúas de pantasmas. Cando cae a noite, as luces artificiais deixan paso ás candeas e ás lanternas, e pequenos e maiores reúnense na praza da Marieta para iniciar un percorrido ás escuras polas rúas do casco vello.

A proposta combina sustos, risas e ambiente misterioso nunha das actividades máis características do Samaín de Cedeira.

Unha festa feita coa colaboración da veciñanza

O Concello organiza a celebración coa Asociación de Amigos do Samaín e coa colaboración da asociación Buxainas, da Escola de Música, da Banda de Música e de numerosas persoas da vila.

A implicación colectiva permite manter unha festa vinculada ás tradicións locais e transmitir os costumes do Samaín ás novas xeracións, cun programa aberto á participación de toda a veciñanza.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.