Cedeira endurece as medidas para aforrar auga ante a situación crítica de seca

O Concello cancela a Festa da Escuma, pecha as duchas das praias e suspende o rego de parques e zonas verdes para garantir o abastecemento para consumo humano
Imagen de una fuente | Pixabay
Imagen de una fuente | Pixabay

O Concello de Cedeira adoptou medidas excepcionais de aforro de auga ante a situación de escaseza que atravesa o municipio. O obxectivo é reducir o consumo e garantir que o abastecemento de auga para uso humano estea asegurado durante as vindeiras semanas.

As primeiras medidas entran en vigor de maneira inmediata e afectan tanto a actividades previstas durante as Festas da Patroa como a determinados servizos municipais. O Concello reclama ademais a colaboración da veciñanza para reducir o consumo de auga no ámbito doméstico.

Cancelada a Festa da Escuma

Entre as medidas adoptadas atópase a cancelación da Festa da Escuma, prevista para este martes na praza Roxa a partir das 22.30 horas. No seu lugar, manterase a celebración do Entroido de Verán, coa actuación da Discomóbil CDC, no mesmo espazo e horario.

A decisión responde á necesidade de evitar actividades que impliquen un consumo extraordinario de auga nun momento no que o municipio afronta unha situación de escaseza.

Duchas pechadas e sen rego nos parques

O Concello tamén procedeu ao peche das duchas das praias e á suspensión dos regos das zonas verdes e parques públicos do municipio.

Estas actuacións forman parte do paquete de medidas destinadas a reducir o consumo de auga nos servizos municipais e priorizar o abastecemento destinado ao consumo humano.

Chamamento ao consumo responsable

O Concello pide á cidadanía que extreme as precaucións e adopte hábitos que permitan reducir o gasto de auga. Entre as recomendacións figura non utilizar auga potable para regar, así como non encher nin repoñer auga nas piscinas particulares.

Tamén se solicita evitar o lavado de vehículos e o baldeo de patios, terrazas e outros espazos exteriores con auga potable, ademais de non empregar elementos decorativos ou recreativos que impliquen un consumo innecesario.

No ámbito doméstico, recoméndase pechar as billas cando a auga non sexa necesaria e utilizar a lavadora e o lavalouzas unicamente cando estean completamente cargados.

O Concello de Cedeira alerta de que a situación de seca é crítica e considera imprescindible a implicación do conxunto da veciñanza para facer un uso responsable dun recurso cada vez máis limitado e garantir o abastecemento para consumo humano nas próximas semanas.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.