O Concello de Cedeira rematou unhas obras de ampliación da beirarrúa de Eduardo Pondal, un vial da zona urbana que conecta a Avenida Area coa rúa María Auxiliadora, no que o ancho do espazo peonil era escaso e presentaba un acusado deterioro. A actuación, que segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, conlevou un investimento de 16.042 euros, permitiu anchear ata 1.50 metros a beirarrúa para cumprir os requisitos de accesibilidade, ao tempo que se unificou a súa imaxe coa das outras beirarrúas zona aplicando un
pavimento que imita a pedra natural.
As obras incluíron o levantamento da anterior beirarrúa e a colocación da nova, coa instalación do correspondente sistema de recollida de augas pluviais. Na rúa, que ten algo máis de 50 metros de percorrido, pintáronse ademais dous pasos de peóns. Desde o Concello sinalan que as obras forman parte do continuo proceso de mellora e posta ao día das infraestruturas municipais, neste caso coa adecuación dunha rúa que ten bastante tránsito e que acada, desta forma, unhas condicións de accesibilidade que cumplen coa normativa actual nesta materia. Moreda Gil destacou que é unha rúa próxima ao Centro de Saúde e que, por esa razón, era especialmente importante dotala do espacio necesario para as persoas que van con doentes ou que teñen problemas de mobilidade.