Cedeira programa 31 rutas de sendeirismo gratuítas para descubrir o patrimonio natural do municipio este verán

A iniciativa De Ruta arrancará o 22 de xuño con percorridos guiados por diferentes espazos naturais e manterase ata finais de agosto
Serra da Capelada | Turismo de Galicia
Serra da Capelada | Turismo de Galicia

O Concello de Cedeira volverá impulsar este verán o programa de sendeirismo De Ruta, unha proposta que ofrecerá un total de 31 percorridos guiados por algúns dos espazos naturais máis representativos do municipio. As saídas, de participación gratuíta previa inscrición, desenvolveranse entre o 22 de xuño e o 30 de agosto e estarán guiadas pola empresa local de turismo activo Portal Norte.

O calendario inclúe entre tres e catro rutas semanais, coa excepción da segunda semana de agosto, coincidindo coa celebración das festas. A maior parte das andainas comezarán ás 10.00 horas, aínda que algunhas estarán programadas ao solpor, con saída ás 19.30 horas.

Tres rutas para abrir o programa

A primeira saída será o 22 de xuño coa ruta circular da Robaleira, un percorrido de arredor de oito quilómetros que partirá da Oficina de Turismo e percorrerá o litoral entre a praia da Madalena e o faro, pasando por lugares como a cala Mi Señora.

Unha parte do cartel promocional das rutas | Concello de Cedeira

Dous días despois, o 24 de xuño, será a quenda da ruta da Capelada, un itinerario circular que atravesa a contorna do curro e do río das Densas.

A programación de xuño completarase coa ruta dos Peiraos, un percorrido de sete quilómetros con saída desde O Purrido que pasa pola ermida de San Antón de Corveiro, antigas garitas de vixilancia e varios miradoiros sobre o Atlántico. As tres propostas repetiránse en varias ocasións ao longo do verán.

Unha parte do cartel promocional das rutas | Concello de Cedeira

Unha nova incorporación

O programa inclúe ademais as rutas do río das Densas, dos altos de Santo André, do Condomiñas e a circular de Herbeira. Entre as novidades desta edición destaca precisamente a ruta do río das Densas, que se incorpora por primeira vez ao calendario. Trátase dun percorrido de cinco quilómetros que parte do Porto do Cabo e discorre entre bosque autóctono e pequenas fervenzas seguindo o curso do río.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da plataforma habilitada por Portal Norte.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.