A proposta de mellorar a iluminación e a pintura da cancha de xogo do Floreal foi a máis votada entre as cinco que este mércores se presentaron na asamblea dos orzamentos participativos, no salón de actos do IES Punta Candieira. Un total de 61 rapaces dos catro grupos de terceiro de ESO protagonizan este ano a segunda experiencia deste tipo no municipio, que de novo vai traducirse no investimento de 20.000 euros do presuposto municipal.
Na mesma sesión o alumnado decidiu a representación de doce compañeiros e compañeiras que se encargarán de presentar o proxecto ao pleno da corporación municipal o vindeiro día 22.
A praza do Floreal é un espazo público moi frecuentado pola mocidade de Cedeira. Ten unha cancha de xogos cuxa pintura actual é moi esvaradiza e tampouco dispón de boa iluminación, o que fai que o tempo de xogo, especialmente nos meses de inverno, se acurte moito. A proposta está valorada en preto de 20.000 euros, polo que desta volta será só esta iniciativa a que se financie a través do programa, e consistirá na instalación dun novo alumado e a renovación da pintura do chan.
A seguinte proposta máis votada, entre as cinco que chegaron á asemblea, foi a titulada ‘Por unha praia divertida’, que propoñía o desenvolvemento de actividades como obradoiros de area, ioga, volei, petanca na praia da Madalena durante o verán.
Porén, o proceso de orzamentos participativos serve para moito máis que para decidir estritamente o destino deses 20.000 euros. As sesións de traballo que se desenvolveron desde o pasado mes de febreiro serviron para que o alumnado aprendese como funciona a administración municipal e os seus órganos de decisión, para que vivisen un proceso de debate e para implicarse de maneira directa na elaboración dos proxectos e na súa presentación e defensa diante dos compañeiros e compañeiras.
Tal e como explicou Carmela Prieto, a concelleira de Participación e Mocidade, este ano quedou claro que o interese do alumnado estaba dirixido á procura de máis equipamentos e programas relacionados co lecer e o deporte ao aire libre. De feito, algunhas das ideas xurdidas dese diálogo entre o Concello e o alumnado van poder incorporarse á programación do Centro de Ocio Xuvenil, cuxa animadora sociocultural organiza o programa de actividades en función das suxestións que presenta a rapazada en mesas participativas.
Na mesma asemblea deste mércores, ademáis da proposta elixida, votouse a representación de doce mozos e mozas que irá o vindeiro día 22 a presentar o resultado do seu proceso participativo diante do pleno da corporación.