Unhas 300 artesás participarán este sábado na XX Reunión de Palilleiras e Labores Tradicionais de Cedeira

Máis de 30 agrupacións e asociacións reuniranse no Polideportivo Municipal, nunha xornada aberta ao público que contará con 15 postos de venda de produtos artesanais e materiais
A anterior edición da Reunión de Palilleiras e Labores Tradicionais de Cedeira | Mulleres da Vila de Cedeira
A anterior edición da Reunión de Palilleiras e Labores Tradicionais de Cedeira | Mulleres da Vila de Cedeira

O Polideportivo Municipal de Cedeira acollerá este sábado a vixésima edición da Reunión de Palilleiras e Labores Tradicionais, organizada pola Asociación de Mulleres Vila de Cedeira. Arredor de 300 artesás de máis de 30 agrupacións e asociacións participarán neste encontro, que se desenvolverá de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.

A cita está aberta a todas as persoas interesadas en coñecer de preto o traballo das palilleiras e doutras afeccionadas ás labores tradicionais. Ademais de observar as técnicas artesanais en directo, o público poderá visitar os 15 postos de venda de traballos feitos a man e materiais que estarán instalados durante a xornada.

Participantes de distintas localidades

Segundo explica a presidenta da entidade organizadora, Ángeles Villar Fraguela, a maioría das asociacións participantes proceden da comarca de Ferrolterra e da Mariña lucense, aínda que tamén acudirá unha agrupación de Cambados. Entre as inscritas hai, ademais, grupos de mulleres e amigas que comparten a súa afección polas labores.

Aínda que os bolillos serán os protagonistas, a reunión tamén servirá para compartir coñecementos e experiencias arredor doutras técnicas artesanais.

Sorteos e premios durante a xornada

A Asociación de Mulleres Vila de Cedeira recolleu nas últimas semanas numerosos agasallos achegados por comercios e empresas da zona, que se sortearán ao longo da mañá no polideportivo.

Pola tarde, antes de rematar o encontro, a organización entregará premios á agrupación que veña de máis lonxe, á artesá de maior idade e á máis nova. Tamén se sorteará entre todas as participantes unha colcha de patchwork elaborada pola propia asociación.

Cartel promocional do encontro | Concello de Cedeira

Un impulso para a economía local

A reunión terá tamén repercusión na hostalaría da vila. Segundo sinala a organización, as agrupacións participantes reservaron en diferentes establecementos locais para xantar durante o descanso do mediodía. Deste xeito, o encontro contribúe un ano máis a dinamizar a economía de Cedeira, ademais de promover a artesanía tradicional.

Tanto a asociación organizadora como o goberno local animan a veciñanza de Cedeira e dos municipios próximos a achegarse ao polideportivo para descubrir o traballo das artesás e escoitar o característico son dos bolillos.

Unha asociación con preto dun cento de socias

A convocatoria tamén pon en valor a actividade da Asociación de Mulleres Vila de Cedeira, que conta con preto de cen socias e desenvolve ao longo do ano clases de bolillos, bordado, costura, patchwork, calceta e ganchillo, ademais doutras actividades puntuais.

O labor da entidade contribúe a fomentar a convivencia, a participación e a vida activa das mulleres da localidade, mantendo vivas as técnicas artesanais e creando espazos para compartir afeccións e coñecementos.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.