O Concello de Cedeira financia unha nova intervención do castro do Sarridal, posta en marcha desde esta semana e que fai a número seis das levadas a cabo nunha zona na que no ano 2017 foi atopada a quinta pedra formosa localizada en Galicia. O investimento total da intervención ascende a 14.399 euros.
Coa que agora comeza xa serán catro as actuacións financiadas pola administración local coa intención de recuperar un patrimonio histórico-cultural único, polo que seguirán ata completar a totalidade do xacemento sen descartar a posibilidade de chegar a posibles acordos cos propietarios das parcelas situadas na zona.
O proxecto dará lugar ao levantamento total do perímetro do castro e este contará cun peche perimetral e un panel explicativo do xacemento coas últimas tecnoloxías incorporadas. A execución destes actos está a punto de cumprir catro anos, e dende o concello lembraron que o futuro do xacemento tamén pasa pola entrada en funcionamento do centro de interpretación que estará no castelo da Concepción, que podería ter lugar antes de final do ano.
Esta nova compaña -que se prolongará ata o día 7 de agosto- ten como obxectivo dar continuidade aos traballos xa realizados tanto no bastión da muralla como no parámetro defensivo do castro, así como continuar coa escavación do empedrado exterior da antecámara da saúna castrexa ata o actual camiño de acceso ao castro. Estas actuacións permitirán coñecer os inicios da ocupación do Campo do Castro e mesmo cuestións relacionadas coa construción da muralla e da estructura circular, ademais da posta en valor dun xacemento que está a representar un novo foco de atracción turística.
As intervencións correrán a cargo da empresa Axa Arqueoloxía e nelas participarán dous arqueólogos, cinco auxiliares de arqueoloxía e un técnico que se fará cargo da planimetría.
Discussion about this post