Os mariscadores da ría de Ferrol están a padecer unha situación extremadamente crítica pola falta de producción de ameixa nos bancos da comarca, que foron na década pasada os máis ricos de Galicia. Según os datos do sector, reduciuse en case un 90% e dos máis de 200 embarcacións que faenaban na ría hai dez anos, hoxe solo o fan menos de vinte. Por iso, as confrarías de Ferrol, Barallobre e Mugardos están recabando apoios das organizacións políticas para que a Xunta lles dea unha solución “realista” ao seu problema.
Actualmente, gran parte das mariscadoras e mariscadores atópanse en situación de baixa prolongada e practicamente a totalidade cunha obtención de ingresos que case non lle permite sobrevivir e apenas son capaces de pagar a súa cotización á seguridade social. Ao fío desta situación, o BNG rexistrou dúas iniciativas para que o Parlamento Galego “inste á Xunta a iniciar de inmediato un verdadeiro proceso de recuperación da produción marisqueira na ría de Ferrol, en colaboración coas confrarías da zona, os técnicos da Consellaría do Mar e a estación de bioloxía mariña da Graña, ao que se acompañarán medidas como o para biolóxico, de protección económica e social das mariscadoras e mariscadores.”
Segundo o deputado nacionalista Ramón Fernández, as medidas urxentes de recuperación dos bancos marisqueiros, como o das Pías, teñen que vir acompañadas de outras, “como o paro biolóxico, que amparen económica e socialmente ás mariscadoras e mariscadores, xa que o contrario levaría ao abandono definitivo da actividade por grande parte do sector, ao peche de entidades e á práctica desaparición do marisqueo na ría”.
Pola súa banda, desde Ferrol en Común, que levarán unha moción ao pleno, apuntan a que “os efectos provocados pola acción conxunta de vertidos e barreiras á circulación de auga do mar”, provocan a degradación da case totalidade dos bancos marisqueiros da ría.
“Ante esta situación as confrarías da ría de Ferrol vense impotentes, por non ter capacidade para mellorar a situación, nin ver por parte da Consellería do Mar intención de acometer a solución real do problema. A produción marisqueira da ría de Ferrol está en mínimos históricos, tanto a pé como a flote, o que levou á precariedade a moitas familias que se viron privadas de ingresos”, explican na moción.
Tamén critican os comúns que a Consellería do Mar propuxera o peche dos bancos e pero impuxera unhas condicións imposibles de acadar para aqueles que quixeran acollerse ao cese de actividade.
Por todo iso, na súa moción instan á Consellería do Mar para o peche dos bancos marisqueiros e a percepción das axudas pertinentes para o colectivo afectado; así coma contar coas confrarías para a realización das tarefas necesarias para a mellora das zonas produtivas. Ademáis, demandan a realización por parte do Ministerio de Fomento e Xunta de Galicia dun estudo integral da ría, para coñecer os problemas existentes e poder dar solución eficaz e definitiva a esta situación.
Discussion about this post