O comité de empresa de Noa Madera Creativa solicitou manter reunións cos grupos da Corporación municipal de Fene para demandarlles que se sumen ás reivindicacións dos traballadoras e das traballadoras pola continuidade da actividade na fábrica do polígono de Vilar do Colo, despois de que o Grupo Malasa anunciara un ERE de extinción para a metade do cadro de persoal (78 persoas) e un ERE temporal de 15 meses de duración para o resto (outras 78 persoas). De igual xeito, o comité xa ten pedida unha reunión co conselleiro de Emprego e Industria, Francisco Conde.
«Non compartimos a decisión da empresa e que imos levar adiante todas cantas accións legais e sociais sexan precisas para evitar que a dirección de Malasa atente contra os nosos empregos, algo que levan intentando desde que se fixeron coa propiedade de Noa», explican desde o comité de empresa. Ademais os representantes da plantilla advirten de que «os traballadores e as traballadoras de Noa son, dentro do grupo empresarial, os únicos que contan con representación legal, cuns dereitos e unha antigüidade recoñecidos, e con capacidade de dar resposta á precarización e explotación tan habituais noutros centros de traballo de Malasa».