O sindicato CIG pediu, a través dun comunicado, que a empresa naval pública Navantia siga «con actividades mínimas» nos seus estaleiros da ría de Ferrol ata superar a alerta por COVID-19. As factorías, nas que se rexistraron once casos de coronavirus, van recuperar mañá gran parte da súa actividade cotiá, o cal non convence ao sindicato galego, que considera que a paralización «debería durar o período que abarca o estado de alarma».
Na súa opinión, este plan «é precipitado e temerario por reducirse as medidas de protección poboacional». Segundo a central nacionalista, «non cambiou nada que nos faga pensar que podemos eliminar medidas que foron eficaces. Nunha comarca onde o centro de traballo de Navantia é fundamental para poder controlar a expansión dunha epidemia ante a cal non podemos baixar a garda. Non estamos aínda no período de “desescalada” senón de confinamento, como recoñeceu un ministro español onte», dinde den a CIG.
A CIG reitera que os «traballos mínimos deben facerse como ata o de agora nos esenciais» e pediu que haxa «equipos de protección individual ( EPIS) e o material necesario para o cadro de persoal de Navantia e da industria auxiliar». Respecto diso, apuntou que o «dispoñible non sería suficiente para cubrir as necesidades».