A Policía Local de Ferrol fixo esta semana un reconto dos expedientes sancionadores que abriu dende o pasado 14 de marzo por infrinxir as medidas contempladas no decreto polo que se declarou o estado de alarma. A data do venres 17 de abril, as denuncias interpostas polos axentes ascendían a 260, tramitadas contra 218 persoas.
Segundo esta actualización de datos, o 70 % dos multados foron homes, e no caso dos reincidentes, o 66% varóns e o 33% mulleres (20 e 10, respectivamente). A proporción de persoas denunciadas en máis dunha ocasión foi dun 11,5%, e delas, unha de cada tres resultaron ser multirreincidentes (máis de dúas denuncias). Nestes datos non están contabilizados aínda os correspondentes aos turnos do venres e da noite do venres ao sábado.
Os barrios de Ferrol onde se rexistraron máis infraccións foron, por orde descendente, San Xoán Bertón, o Ensanche A, A Magdalena, Recimil e Caranza. No Ensanche B, Canido, Esteiro, Ferrol Vello e a zona rural, o número de denuncias non superou, en ningún dos casos, as 20.