O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, inaugurou esta mañá no CIS da Cabana a Xornada de Transición Enerxética organizada por CC.OO. de Industria de Galicia. Na súa intervención destacou a “dobre responsabilidade” que implica un proceso no que Ferrol, dixo, debe ocupar un lugar destacado: por unha banda, respecto da loita contra o cambio climático, e por outra, pola “inmellorable oportunidade para o desenvolvemento da nosa economía e, por tanto, para a xeración de postos de traballo” que supoñen as renovables.
Mato mostrou o seu convencemento de que unha cidade que dispón dun Campus Industrial de referencia, instalacións e equipos de investigación de primeiro nivel e empresas líderes nos campos da construción naval e das renovables “debe aproveitar este momento para converterse no gran polo deste sector”. Por ese motivo, reclamou que Galicia dea un paso adiante para instalar nas súas costas un parque eólico mariño. “Debemos reclamar unha forte aposta por parte de todas as Administracións”, dixo. En concreto, referiuse á “obriga” por parte da Xunta de traballar firmemente pola eólica mariña e á necesidade de que o Estado apoie este movemento, “tal e como contempla o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima, entre cuxos obxectivos se atopan a consecución de avances técnicos que permitan reducir os custes”.
O alcalde quixo poñer en valor as solucións flotantes, “pouco invasivas sobre o medio mariño”, como unha alternativa “economicamente competitiva” que permitiría incrementar as zonas nas que instalar parques eólicos mariños. Para Mato, é o momento de aproveitar as potencialidades de Ferrol para liderar esa tecnoloxía, xa que “durante a próxima década vanse mobilizar, non só en España, senón tamén en Europa, enormes recursos económicos para lograr un sistema enerxético eficiente dentro dun contexto de descarbonización”. De feito, dixo, os pasos que xa se están a dar mediante a colaboración público-privada, con proxectos que se exportan a países como Alemaña, o Reino Unido ou Francia, “marcan o camiño”.
Centro tecnolóxico
A tradición na construción naval e unha industria auxiliar con capacidade para xerar traballo e valor engadido son, para o alcalde, activos aos que hai que apoiar mediante a dixitalización de equipos e a investigación, o que levará a competir “poñendo por diante a calidade, e non simplemente os custes”. “O propio CIS, no que nos atopamos, debería converterse nun referente en canto ao desenvolvemento das enerxías do mar”, asegurou. Tampouco quixo esquecer “o papel que pode e debe xogar” a Fábrica de Turbinas de Navantia en todo este proceso, polas súas capacidades e pola experiencia acumulada no seu traballo para grandes centrais enerxéticas, que lle abren tamén a posibilidade de orientar parte da súa actividade ás instalacións de xeración mediante biomasa.
Para finalizar, Mato insistiu en que “estamos nun momento crucial porque os convenios de transición xusta abren unha oportunidade única que debemos aproveitar”.
Discussion about this post