A Policía Local de Ferrol denunciou preto da unha da mañá de hoxe ao propietario dun establecemento da cidade e aos cinco clientes que se atopan no seu interior por incumprir o estado de alarma. Estaban consumindo bebidas, carecían de medidas de protección individual e non gardaban a distancia mínima de seguridade.
O dono do local manifestou que se trataba do seu domicilio e que era unha reunión de amigos, e os axentes comprobaron que en dito establecemento non había vivenda algunha e que as consumicións preparábanse na barra do bar. Foron informados de que debía cesar a actividade e antes de saír os clientes aboaron as súas consumicións.
O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, pediu á cidadanía “responsabilidade e prudencia” e indicou que “seguimos en estado de alarma”, polo que “hai que cumprir coas normas de confinamento establecidas polo Goberno central e extremar a seguridade”.
O edil lembrou que non está permitido consumir no interior dos establecementos e tampouco de pé nas inmediacións do acceso ao local. Incumprir ditas normas supón sancións dun mínimo de 600 euros. Polo ben de todos, dixo o responsable de Seguridade, “pedimos responsabilidade tanto á cidadanía como aos donos dos locais”, e insistiu en que só está permitido utilizar o 50 % das terrazas e mantendo os dous metros de distancia. A Policía Local tivo que facer máis de dez advertencias aclaratorias a locais con respecto a este asunto.