A Policía Local de Ferrol formulou esta semana unha denuncia contra un establecemento hostaleiro do centro da cidade por desfacerse de restos dunha pequena reforma de xeito irregular. Tras a aparición destes materiais en colectores de lixo orgánico, os axentes encargados de investigar os feitos percorreron as inmediacións e averiguaron que nun local próximo estábanse facendo este tipo de traballos.
A responsable do negocio asegurou que se estaban a realizar labores de limpeza de cara a unha posible reapertura nos vindeiros días, pero negou que o aparecido nos contedores procedera do local. Non obstante, os policías comprobaron que na zona de mesas había maquinaria de bricolaxe e observaron outras evidencias de tarefas de acondicionamento.
Por ese motivo, inspeccionaron minuciosamente o lixo atopado nos colectores, entre o que había recortes de madeiras e outros fragmentos que coincidían co material dos bancos do establecemento. Tamén botes de silicona, espuma de poliuretano, perfís metálicos e caldeiros de plástico, entre outros. Ao seu lado, ademais, había utensilios de cociña desbotados e unha folla plastificada co nome do negocio e o menú. Ante estas evidencias, procedeuse a tramitar a correspondente proposta de sanción.
O punto limpo está aberto
Este tipo de elementos procedentes de pequenas obras deben ser trasladados ao punto limpo e nunca ser depositados nos colectores do lixo. As instalacións da estrada de Catabois tiveron que permanecer pechadas durante boa parte do período de estado de alarma, pero xa se atopan abertas ao público.
O Concello insiste en solicitar da cidadanía a súa colaboración en canto ao respecto ás normas para depositar o lixo e aos horarios establecidos. Ao mesmo tempo, quere facer constar que son unha inmensa maioría as persoas que así o fan, aínda que os incumprimentos, por minoritarios que sexan, causan importantes problemas tanto aos empregados da concesionaria coma ao conxunto dos veciños.
Discussion about this post