Concello de Ferrol, a través da concellería de Servizos está a intensificar durante a última semana os traballos de limpeza e desinfección con sulfatadoras que conteñen auga e lixivia nas zonas de maior afluencia de persoas, como nas contornas de mercados e supermercados, panaderías, farmacias, accesos a centros sanitarios e de maiores, quioscos, as inmediacións do centro de Cáritas, do albergue Pardo de Atín, do Edificio Social e dos estancos co obxectivo de evitar a propagación do Covid-19.
No día de hoxe, os operarios encargados das labores de desinfección profunda da empresa Urbaser centráronse neste tipo de establecementos do centro de Ferrol, Canido, Ferrol Vello, os ensanches, Recimil, Catabois, Telleiras, Caranza e nas vivendas de Bazán. Ademais, tamén a diario cinco brigadas están a aumentar a limpeza e baldeo con xabón das rúas da cidade.
A estes traballos excepcionais de hixienización e desinfección diaria con lixivia súmanse en quenda de tarde máis operarios para a limpeza do centro, as inmediacións e interior do mercado de Recimil e os arredores do mercado da Magdalena. Outras tres brigadas encargaranse da limpeza e baldeo de aquelas zonas que sexa necesario repasar e un camión recolector retira os residuos de lugares como o cemiterio e os mercados.
Discussion about this post