Máis da metade das obras do saneamento integral da ría de Ferrol xa están executadas

A Consellería de Infraestruturas cree que antes do verán poderá conectarse o entorno da Cabana
DCIM100MEDIADJI_0051.JPG
DCIM100MEDIADJI_0051.JPG

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe a constatación de que o avance con seguridade nas obras que se están a executar na Malata permitirá acadar nos vindeiros meses a meta do saneamento integral da ría de Ferrol.

Ethel Vázquez, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantiveron hoxe unha videoconferencia co equipo responsable das obras de saneamento da Malata para supervisar o seu avance e as medidas de protección da saúde adoptadas por mor do COVID-19.

Na reunión se avaliou a evolución actual das obras, que están a avanzar «a bo ritmo» e no seu conxunto xa acadan unha execución de algo máis do 50%. A responsable de Infraestruturas concretou que o tanque de tormentas do entorno do CIS, na Cabana, está «xa practicamente rematado e só pendente da instalación dos equipos e das acometidas». Precisou que tanto o tanque de tormentas como a estrutura de regulación da Malata teñen as súas estruturas tamén moi avanzadas e xa se executaron máis de 1.350 dos 4.000 metros de colectores interceptores proxectados.

Explicou que conforme á posta en servizo planificada por fases, «antes do verán poderá conectarse ao sistema de saneamento o entorno da Cabana», co que a metade da enseada quedará libre de vertidos mentres se completan as obras na zona da Malata.

 

 

Relacionadas