A Área Sanitaria de Ferrol comezou a distribución das pantallas protectoras nos mostradores de atención á cidadanía dos seus centros sanitarios. Son máis de 60 pantallas que se están a instalar xa dende primeira hora da mañá de hoxe nos centros de saúde, Puntos de Atención Continuada e Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol da Área.
Estas pantallas protectoras están fabricadas en metacrilato transparente curvado de grosor de 6 milímetros e alta resistencia cun oco para intercambio de documentación. Están a ser instaladas durante todo o día de hoxe e adaptadas a cada espazo dos distintos centros sanitarios. Estímase que estean todas instaladas nun só día.
Estas pantallas responden ós principios de acción preventiva na normativa relativa a protección contra riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos, e coa fin de evitar ou diminuír o nivel de exposición do persoal de atención cara ó público no Servizo Galego de Saúde. Actúan como barreira física entre a persoa usuaria e o profesional no actual contexto. Séguense igualmente as recomendacións de que sexan de material impermeable á auga e que permita unha doada limpeza e desinfección.
Discussion about this post