O Concello de Ferrol comezou a mediados do mes de febreiro a retirada de vehículos da céntrica parcela do antigo cuartel Sánchez Aguilera, delimitada pola avenida do Rei, a estrada de Catabois e as rúas Virxe da Cabeza, Cardosas e Roi Xordo. A empresa de despezamento adxudicataria para executar esta intervención está a trasladar coches ás súas instalacións para a súa posterior descontaminación e compactaxe. En total, retiraranse nesta primeira fase, coa axuda dun guindastre con capacidade para tres vehículos e outro para un, un total de 413 vehículos, os xa cualificados como residuos. A empresa xa sacou máis de 100 e a previsión é rematar esta semana con preto de 130 vehículos fora da parcela.
A vontade do goberno local é sacar do Sánchez Aguilera a totalidade dos coches que aí se atopan. Trátase do espazo crucial, por atoparse en pleno corazón da cidade, do convenio entre o Concello de Ferrol e o Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (Invied), pertencente ao Ministerio de Defensa, que regula que a Administración local vai ser titular desta e doutas nove parcelas no municipio. Dito convenio foi ratificado en pleno o pasado 7 de marzo.