A Xunta de Goberno Local de Ferrol aprobou hoxe a proposta provisional de intervencións de rehabilitación subvencionadas correspondentes á anualidade 2018 do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021. Agora o Instituto Galego da Vivenda e Solo deberá aproba o documento provisionalmente antes de que a Administración local abra un período para a xustificación da subvención e, finalmente, se poida realizar a proposta de aprobación definitiva e se aboen as axudas. Trátase dun avance importante de para que as persoas que apostaron pola rehabilitación poidan percibir as subvencións ás que optaron.
A proposta aprobada esta mañá inclúe 124 intervencións en vivendas no ámbito de actuación da Magdalena e Ferrol Vello, que acada xa a súa décimoterceira fase. Para A Graña (novena fase) contémplanse 6, mentres que para Esteiro Vello (terceira fase) constan 10. Para o primeiro destes ámbitos, a subvención prevista por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana é de 816.387 euros, e por parte da Xunta de Galicia, de 98.910,86. Nas outras dúas, a distribución de ambas Administracións é de 51.295 e 14.974 euros e de 12.475 e 4.885 euros, respectivamente. Trátase de importes con cargo ao Plan Estatal de Vivenda, en base ao convenio asinado polo ministerio e o IGVS, dentro do que o Concello ten a función de órgano de xestión e tramitación.
Material para a cuadrilla de Obras
Da reunión da Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, aprobouse tamén o expediente de contratación de subministro de materiais, ferramentas e pequenas máquinas para reparacións, conservación e mantemento de edificios, co fin de dotar á cuadrilla de Obras. Este contrato conta cun orzamento de 121.000 euros anuais, cunha duración prevista dun ano, prorrogable por outro máis.
Discussion about this post