A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao pechou o primeiro trimestre de 2020 rexistrando nas súas instalacións un tránsito de materias primas, materiais e produtos próximo aos 2,4 millóns de toneladas. Este arranque de ano empeora notablemente o de 2019 en termos absolutos. Con todo, se da comparación entre exercicios exclúese o tráfico de carbón, que cesou o verán pasado, resulta un incremento xeral da actividade de máis de 18 puntos porcentuais.
Segundo datos aínda provisionais, as empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron desde o 1 de xaneiro ata o 31 de marzo un total de 2.387.662 toneladas de mercadorías, fronte ás 3.523.914 que consignaran en iguais datas de 2019. Sen embargo, se non se ten en conta o carbón descargado o pasado ano (1.506.117 toneladas) o ascenso deste trimestre no tráfico portuario sería do 18,3%. É dicir, aqueles tráficos non afectados negativamente pola transición enerxética están a ter un moi bo comportamento no seu conxunto.
En global, o tránsito de graneis sólidos alcanzou as 1.647.227 toneladas; o de líquidos, as 555.287; e o de mercadoría xeral, as 182.391. O primeiro caeu un 43,6 % en comparación con 2019, mentres que o segundo e o terceiro subiron, respectivamente, un 43,6 e un 8,6 %.
O ranking de mercadorías do primeiro trimestre lidérao a bauxita, con 1.204.123 toneladas movidas. Xa a moita maior distancia, a clasificación complétana nos seus dez primeiros postos a alúmina (332.596 toneladas), o gas natural licuado (198.511), o fueloil (101.965), a chatarra (73.922), a sosa cáustica (72.168), os aceites (70.444), a madeira (69.609), o biodiésel (60.145) e o aceiro (50.092). A mercadoría contenerizada alcanzou as 22.674 toneladas (2.055 TEUs) e, con iso, creceu outro 16,2 %.
“Na comparación co mesmo do ano pasado, este trimestre pagamos o cesamento das importacións de carbón, e seguiremos pagándoo en todos os nosos balances mensuais ata xullo. Con todo, é de sinalar o moi bo comportamento que están a ter en xeral o resto de tráficos, que en varios casos é excelente”, valorou o presidente da Autoridade Portuaria.
José Manuel Vilariño tamén expresou as súas cautelas polo impacto que poida ter na actividade da institución a crise do covid-19. “Quero felicitar aos traballadores da Autoridade Portuaria, que en circunstancias moi difíciles, uns desde os seus domicilios e outros presencialmente, están a levar a cabo un magnífico labor para que as nosas instalacións, como esenciais que son, continúen operativas a pesar das consecuencias da pandemia. Fago extensiva esta felicitación a toda a comunidade portuaria”.
Discussion about this post