A Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol propuxo hoxe para adxudicación a segunda fase dos traballos de urbanización da rúa Basanta, unha actuación que ten como obxectivo ampliar unha vía que nalgúns puntos non ten máis de catro metros de ancho e que pasará a ter unha plataforma de 14, incluíndo dous carrís de 2,80, dúas bandas de apartamento de 2,20 e sendas beirarrúas de 2 metros.
O tramo ao que afecta supera o medio quilómetro de lonxitude, e o orzamento base de licitación era de 525.908 euros (IVE incluído). Para obter o contrato, a empresa que acadou a mellor puntuación deberá xustificar a baixa da súa oferta. O prazo de execución é de seis meses, que comezarán a contar a partir da firma da correspondente acta de comprobación de replanteo. A garantía dos traballos será dun ano tras a recepción da obra.
A Mesa de Contratación tratou tamén outros asuntos. Os procedementos referidos ás envolventes de Ares 1-2 e Betanzos 1-8, en Recimil, quedaron pechados definitivamente. En ambos casos, só estaba pendente que as empresas presentasen documentación. Do mesmo xeito, quedaron definitivamente adxudicadas a reurbanización de Carmen Curuxeiras, logo de que a empresa xustificara a baixa da súa
oferta, e a mellora do aglomerado da avenida do Mar, unha vez aportada documentación que estaba pendente.
Esta mañá tamén se procedeu á apertura das ofertas para o subministro de contedores de recollida selectiva de papel e aceite para o servizo de recollida de residuos, unha adquisición cofinanciada pola Deputación a través dun convenio de colaboración.
Discussion about this post