O Campus de Ferrol, a través do seu departamento de cultura, organizará o próximo sábado un roteiro baixo o título “Ferrol8M: Unha cidade de mulleres”. Trátase dun percorrido pola cidade a través das mulleres que fixeron e deixaron a súa pegada na cidade. Unha viaxe no tempo a través das vidas de Concepción Arenal, Ángeles Alvariño, Hildegart ou Ángela Ruíz Robles, mulleres costureiras, redeiras, lavandeiras, carrexadoras, augadoras, mestras, científicas, escritoras e intelectuais.
Este roteiro tratará de achegarse ao pasado de Ferrol e dar a coñecer algo máis desa historia a miúdo invisibilizada, a historia das mulleres que viviron ou pasaron pola cidade en diferentes épocas históricas.
O percorrido sairá o sábado día 7 as dez da mañá da Casa do Patín, no barrio de Esteiro, seguindo polo Campus de Ferrol, Cantón, Praza da Constitución, Praza de Galicia, Rúa Concepción Arenal e Barrio da Magdalena, ata os xardíns de Herrera. Terá unha duración total duns 90 minutos.
O roteiro é de balde, pero é precisa a inscrición previa a través de [email protected] ou do teléfono 881 013 692.
Discussion about this post