As confrarías de mariscadores de Ferrolterra estudan solicitar un cesamento de actividade para tentar optar a axudas que permitan paliar o escenario económico ao que se enfrontan pola falta de recurso nos bancos marisqueiros e a perda de socios que experimentan estas entidades.
Representantes destas confrarías de Ferrol, Barallobre e Mugardos, así comola alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e o primeiro tenente alcalde, Guillermo Sánchez, e o alcalde de Fene, Juventino Trigo, reuníronse en Santiago este xoves coa conselleira do Mar, Rosa Quintana e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, para abordar a baixa produción de ameixa dos bancos marisqueiros.
Os patróns advirten de que a situación é crítica. Isabel Maroño, patroa da confraría de Ferrol, lembrou que levan moito tempo advertindo da falta de recurso de marisco e que «cada vez son máis os socios que se van» das entidades. «Vémolo todo un pouco cru, temos que esperar a ver como responden as demáis administracións e pensar onde imos traballar o próximo mes», lamentou. Maroño dixo que as solucións da Xunta son a moi longo prazo e «non están a dar toda a efectividade» que quererían para a rexeneración da poboación.
A titular de Mar esgrimiu recou que o seu departamento fixo un investimento de máis de 752.000 euros para a recuperación dos bancos marisqueiros, para realizar arados para a osixenación do substrato, achega de áridos e un seguimento técnico sobre a produción de ameixas das diferentes zonas, ademais do control de depredadores.
Quintana asegurou que os responsables das confrarías son conscientes de que Mar está a facer todo ao que se comprometeu hai dous anos, pero recoñeceu que a poboación explotable non se atopa nos mellores índices na actualidade. Por iso anunciu que apoiará ao sector no caso de solicitar un cesamento de actividade, que lles permitiría acceder a axudas compensatorias por ese parón mentres se rexeneran os bancos. A patroa de Ferrol insistiu en que se non se concede o paro biolóxico explorarán «mobilizacións máis severas».