O Concello de Moeche comezou onte o reparto de mascarillas entre a poboación local de cara a incrementar no posible a prevención de contaxios do coronavirus. Están feitas en tea lavable (a máis de 60 graos) para poder usalas máis dunha vez e dispoñen de espazo para colocarlles un filtro plástico ou doutro material.
Varios grupos de costura do municipio e tamén entidades e empresas doaron un total de 425 máscaras que “se ben non están homologadas, si poden mitigar a posibilidade de infección nun momento en que non hai suficientes existencias no mercado”, explicando dende o Concello.
Estes elementos de protección xa empezaron a distribuírse entre as persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar e a intención municipal é achegar alomenos un por domicilio para que poida ser empregado, por exemplo, por quen deba saír facer a compra ou calquera outro desprazamento imprescindible.
Para solicitar unha destas mascarillas débese chamar ao teléfono do Concello -981 404 006- en horario de mañá ou ao móbil do programa de axuda, 639 417 975, entre as 09.20 e as 18.30h. Tamén se poden pedir a través das entidades veciñais e será o propio consistorio quen as entregue de balde en cada domicilio, con posibilidade de que se incremente a cantidade dispoñible nos próximos días.
Segundo explica a alcaldesa Beatriz Bascoy, as máscaras de uso sanitario “están practicamente esgotadas e as que quedan deben destinarse ao persoal sanitario ou, no caso do Concello, ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e persoal de recollida de lixo”. Tal e como insiste a rexedora, “entendemos que á veciñanza tamén se lle debe facilitar algún tipo de protección. As máscaras de tea de algodón e lavables non son de uso sanitario e non están homologadas, pero son unha opción para mitigar o contaxio e protexer”.
Veciño recuperado
Moeche tamén viviu hoxe unha boa nova co regreso ao seu domicilio do home que dera positivo por coronavirus o pasado 26 de marzo. Como se recordará, o home de idade avanzada foi trasladado de urxencia ao CHUF Arquitecto Marcide por outra doenza e foi alí onde se lle detectou que, ademais, tamén estaba contaxiado do virus.
Os servizos médicos déronlle a alta e, segundo informa a familia, encóntrase no seu domicilio, está ben de saúde e gardando a preceptiva corentena de 14 días.
Discussion about this post