O cine de verán de Narón estrea tempada coa proxección “Al aire patos”

A proposta, que se estreará mañá 2 de xullo, contará este ano cun total de 8 proxeccións repartidas por diferentes puntos de Narón e coas respectivas medidas de seguridade

O Padroado da Cultura de Narón iniciará o vindeiro xoves 2 de xullo o programa “Cine de Verán”. Esta proposta contempla un total de oito proxeccións doutras tantas películas dirixidas a público infantil e que se desenvolverán en espazos públicos da zona urbana e rural do municipio.

Nas xornadas previstas, todas no mes de xullo, os films comezarán ás 22.30 horas e realizaranse cumprindo con todas as medidas precisas para manter a distancia de seguridade. A iniciativa é completamente de balde.

A primeira das citas co “Cine de Verán” será este xoves na Praza da Gándara, onde se poderá ver a película “Al aire patos” e este mesmo venres, día 3, na Praza Francisco Pizarro, na Solaina, proxectarase “Ralph rompe Internet”. A tempada continuará a vindeira semana, o xoves 9 na Praza de Galicia con “Spiderman, un nuevo universo”, e o día 10 en Xuvia, na Praza do colexio con “Smallfoot”.

A terceira semana proxectarase o xoves 16 “Nocturna, una aventura mágica” na pista polideportiva de Pedroso e o venres 17 de xullo o filme “A Galiña Turuleca” na pista polideportiva de San Xiao. Finalmente, o día 23 de xullo poderase ver “Pinocho 3000” no Centro Cívico Social do Val e o día 24 “Donkey Xote” na pista polideportiva de San Mateo.

Salir de la versión móvil