Ana Pontón pide unha gran mobilización o 12-X para frear “a sangría do peche de industrias” na comarca de Ferrol

A líder do BNG e candidata á Xunta estivo onte en Narón e criticou con dureza a "desertización industrial" do goberno de Feijóo

A portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, visiou onte Narón no seu primeiro acto de campaña na comarca, onde pediu unha “gran mobilización” para pasar páxina da “década de decadencia do goberno Feixóo” e abrir un tempo novo cun goberno liderado polo BNG.

Pontón puxo o acento na grave sutuación industrial da comarca e culpou ao goberno do PP da “escasa inversión e a nula aposta polo tecido produtivo” realizada durante o seu mandato. “Aquí en Narón sabedes ben dos problemas da desertización industrial e da perda de empresas, todas temos ben presente Poligal, temos ben presente a crise do naval, a das electrointensivas con Megasa, a perda imparable de pulso industrial, e polo tanto de pulso económico e de emprego. Non vou enganar a ninguén, non vou dicir que  haxa solucións máxicas para darlle a volta a esta situación dun día para outro, porque once anos de desfeita do PP fixeron moito dano”, salientou a líder do Bloque.

Pontón criticou que “a peor política industrial é a que non existe e esa foi a que aplicou o candidato Feixóo ao longo destes anos, e agora  Galiza precisa un goberno que cambie o rumbo con propostas para sacar a nosa industria adiante, para frear a sangría constante do peche de empresas”. Entre elas, salientou a implementación dun plan de reindustrialización, combater a deslocalización de empresas a través dunha lei, promover a I+D+i para modernizar o sector industrial e a formación continua dos traballadores.

Pola súa banda, o cabeza de lista pola Coruña, Xosé Luís Rivas, insitiu na necesidade de implantar pequenas industrias de transformación que revertan o valor engadido en Galiza e políticas que revitalicen o sector industrial para que empresas como Alcoa, Noa Madera, Isowat, Navantia ou ENDESA, recuperen a súa actividade.

“Durante once anos, o  PP practicou políticas devastadoras que incidiron na destrución do noso tecido industrial e na perda de centos de postos de traballo e nesta comarca sabedes ben do que falo. Agora toca mudar o rumbo e facer posible que Galiza desenvolva as súas grandes potencialidades e riqueza”, destacou.

 

Salir de la versión móvil