Máis de 500 autónomos e pemes de Narón solicitaron as subvencións pola crise do Covid

Esta primeira partida conta cun importe de tres millóns de euros, pero o Concello non descarta ampliala máis adiante
naron

Un total de 515 persoas solicitaron acollerse ás subvencións do programa municipal “Narón impulsa” nos primeiros tres días trala apertura do prazo para tramitalas. Así o anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que recordou que se trata dunha iniciativa dirixida a pequenas empresas, microempresas e autónomos asentados na cidade co obxectivo de paliar os efectos negativos derivados da crise do coronavirus. O Boletín Oficial da Provincia publicou o pasado martes, día 12, o anuncio deste programa, establecéndose un prazo de vinte días hábiles –contados dende o mércores 13- para presentar as solicitudes a través da Sede Electrónica de Narón, donde tamén se pode consultar toda a documentación.

Esta primeira partida é de tres millóns de euros a este programa, pero o Concello explicou que «no caso de que sexa preciso incrementase para que poidan acollerse ao mesmo todas aquelas empresarias e empresarios da cidade que cumpran cos requisitos establecidos”.

“Moitas empresas da nosa cidade tiveron que cesar na súa actividade tras decretar o Goberno central o estado de alarma ante esta crise da Covid-19 e noutros casos puideron abrir pero a súa facturación mermou considerablemente, polo que dende o Concello consideramos prioritario ofrecer, na medida do posible, algún tipo de axuda que, cando menos, poida axudarlles a paliar esta situación”, explicou Ferreiro.

As contías que poderán recibir as empresas son de 2.000 euros para aquelas persoas físicas ou xurídicas sen persoal por conta allea ao seu cargo ou con ata dous traballadores (inclusive); de 3.000 para persoas físicas e xurídicas con entre 3 e 9 traballadores (incluído) e, por último, de 4.000 euros para o mesmo colectivo pero cun cadro de persoal de entre 10 e 49 empregados (inclusive), en todos os casos, co citado plantel a data de 1 de marzo deste ano.

“Queremos inxectar certa liquidez ás empresarias e empresarios que máis están padecendo os efectos desta crise na nosa cidade, sempre que cumpran os requisitos establecidos para poder acceder a estas subvencións, encamiñados a manter a súa actividade e tamén os postos de traballo”, subliñou a alcaldesa.

A rexedora local recordou que aquelas empresarias e empresarios que desexen recibir máis información poden, ademais de consultar a Sede Electrónica do Concello, chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 1123) ou escribir un correo electrónico á dirección: [email protected].

Relacionadas