O Concello de Narón estuda poñer en marcha una liña de subvencións para todas as persoas autónomas, microempresas e pequenas empresas do municipio que tiveron que paralizar a súa actividade tras decretarse o estado de alarma pola Covid-19 ou que viron reducida a súa facturación polo menos nun 75%. Así llo remitiu o goberno local as asociacións de empresarios –Asociación de Comerciantes Narón, Cofer, AJE Ferrolterra e AEF- e aos grupos políticos da oposición.
As subvencións serán de 2.000 para aquelas persoan sen persoal por conta allea ao seu cargo ou ata dous traballadores; de 3.000 para as que conten cun cadro de persoal de entre tres e nove traballadores e de 4.000 para as de cadro de persoal de entre 10 e 49 traballadores.
As empresas beneficiarias deberán cumprir unha serie de requisitos, como manter a actividade pola que foi subvencionada ata o 31 de decembro deste ano e tamén no caso de ter empregados manter como mínimo o 50% do persoal declarado.
Aquelas que queiran optar a estas subvencións deberán cumprir e xustificar unha serie de requisitos, sendo un deles o feito de ser beneficiario da prestación extraordinaria por cese de actividade, con enderezo fiscal e realizar a súa actividade en Narón, así como estar ao corrente do pago das obrigas tributarias e de Seguridade Social e non ter débedas coas administracións.