Narón, sede do baile mundial este fin de semana

Uns 3.000 deportistas participarán esta fin de semana na cidade nas probas Grand Slam que se celebran a nivel mundial e no Campionato de España de Latinos
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona,  xunto con Pietro Braga, do equipo Dance Sport Team
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, xunto con Pietro Braga, do equipo Dance Sport Team

O pavillón polideportivo da Gándara e no Pazo da Cultura acollerán durante esta fin de semana as probas Grand Slam e o Campionato de España de Latinos, un evento deportivo ao máximo nivel, que reunirá na cidade a uns 3.000 deportistas procedentes de clubs de todo o mundo e que «consolida a traxectoria de Narón no mundo do baile deportivo”.

As citas deportivas, organizadas polo Concello e a Federación Española de Baile Deportivo en colaboración co Club de Baile Deportivo Narón desenvolveranse dende o venres ata o domingo. O Pazo da Cultura acollerá o venres, en horario de tarde, as semifinais de danza coreográfica e de hip hop; o sábado, durante a mañá e a tarde sucederanse o Campionato de España de Caribeños e as finais de hip hop e o domingo, tamén todo o día, terá lugar o “XXI Trofeo Cidade de Narón”.

Así mesmo, no pavillón polideportivo da Gándara o venres á tarde terá lugar o Grand Slam Standard e a Competición Internacional de Standard; o sábado o Campionato de España de Latinos e as finais de Danza Coreográfica e o domingo, ao longo do día, o Grand Slam de Latinos, a Competición internacional de Latinos e o Campionato de España de Standard.

Deportistas de toda España daranse cita neste destacado evento, que contará tamén con outros procedentes do resto de Europa e, a maiores, tamén de Vietnam, Sudáfrica –será a primeira ocasión na que cheguen en Europa parellas procedentes deste país-, Portugal, Francia, Alemaña –estarán participando os Campións do Mundo de Latinos, que son alemáns-, de Ucrania, etc.

Destacado será tamén o papel dos xuíces que valorarán aos deportistas nas diferentes competicións, que chegarán de España e de países europeos, e tamén de Canadá e Sudáfrica, entre outros.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, destacou que se celebrarán en Narón “as dúas competicións internacionais de maior importancia no mundo de Standard e Latinos” e tamén o feito de que se convocasen na cidade. “Ademais do ámbito deportivo, a convocatoria suporá un importante revulsivo aos sectores hostaleiro, comercial e mesmo turístico non só de Narón, senón do resto da comarca, ao congregar a esas 3.000 persoas durante tres días”.

Pola sua banda, Pietro Braga asegurou que dende o equipo “estamos emocionados, enamorados de Narón porque é espectacular”. En canto á traxectoria da cidade no ámbito do baile deportivo destacou que “a nivel nacional diría que Narón é un dos centros máis importantes dende hai moitos anos, porque aquí fanse as cousas moi ben, e mostra diso tamén é que conta co club máis grande da Federación Española de Baile Deportivo, o Club de Baile Deportivo Narón”. O representante do Dance Sport Team, Pietro Braga, asegurou que “é algo que se construíu aquí e que é a envexa de todos”.

“A WDSF confiou moito no sistema de Narón e hai moitos anos que non se celebra en España un Grand Slam e aquí está un dos tres marcados no calendario deste ano a nivel mundial”, destacou Pietro Braga. Ferreiro agradeceu a implicación de todas as persoas que fixeron posible traer a Narón estes destacados eventos deportivos e desexou moita sorte a todos os participantes, entre eles aos clubs locais.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.