O Concello de Narón acolleu unha reunión da Comisión de seguimento do Plan Xeral de Ordenación Municipal na que informouse sobre os trámites que actualmente se están levando a cabo desde o goberno local para revisar o PXOM actualmente en vigor, que data do ano 2002.
A reunión convocouse como un dos trámites previos á aprobación inicial do documento, que continúa á espera de dous informes de administracións supramunicipais, un do Ministerio de Fomento e outro da Demarcación de Costas. “Unha vez que se reciban eses informes, que marcarán os prazos seguintes para avanzar nos traballos pendentes de realizar, poderase dar comezo á fase de aprobación inicial do documento, que está prevista para os próximos meses”, explicou Ramos.
Coa revisión do PXOM da cidade, tal e como apuntou o edil, “na zona urbana continuarase avanzando nas tarefas de humanización, o que nos permitirá seguir desenvolvendo un urbanismo máis sostible”. Con este obxectivo está previsto completar a zona urbana con melloras da comunicación entre barrios e no que respecta a a zona rural, segundo indicou, “ampliarase a zona de chan de núcleo rural, no que está permitida a construción de vivendas, no máximo que autorice a Xunta de Galicia e en todos os núcleos do rural onde sexa posible, sempre respectando as normativas en vigor, como non pode ser doutro xeito, e atendendo ás restricións que se poidan dar en cada caso”.
En canto aos seguintes trámites, tal e como explicou Ramos, antes de proceder á aprobación inicial do texto convocarase outra reunión da Comisión de seguimento do PXOM, na que se presentará o documento de inicio e continuaranse solicitando desde as diferentes administracións, segundo as competencias de cada unha delas, os informes pertinentes para este tipo de procedementos. O documento someterase despois a exposición pública unha vez publicado oficialmente para que se presenten alegacións ao mesmo no caso de consideralo oportuno, explicou o edil naronés.
Discussion about this post