A implicación de voluntarios e veciñas durante esta crise sanitaria está a ser patente en toda a comarca. Os operarios dos concellos que traballan diariamente velando polo benestar do resto de veciños están a recibir estes días mostras de gratitude en forma de material de protección. En Pontedeume, a agrupación de Protección Civil recibiu un lote de máis de 20 pantallas de protección doadas por unha familia da vila coa colaboración da papelería Alfi, que foi a que suministrous os acetatos.
«Desde a nosa Agrupación queremos agradecer enormemente esta e outras aportacións de maneira individual e de maneira totalmente desinteresada, que están a ser claves para garantir a seguridade das persoas que temos que seguir traballando día a día», expresaron dende Protección Civil de Pontedeume.
En Narón, un equipo de voluntarios formado por mulleres e homes do municipio elaborou os 5.000 cubrebocas artesanais que o Concello de Narón comezou a distribuír entre diferentes colectivos. Baixo o lema “Usando cubrebocas eu protéxoche, ti protéxesme”, o persoal de Protección Civil entregou xa as primeiras unidades a traballadoras e traballadores de varios establecementos de alimentación, como panaderías, supermercados, ferraxerías, e outros, que se irán completando nos próximos días.
