O Festival Internacional de Entes Animados que impulsan os concellos de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Miño, Mugardos, Neda, Sada e Valdoviño ofrecerá no municipio dous espectáculos de nivel esta fin de semana. O primeiro terá lugar este sábado, a partir das 18:30 horas, na Casa da Cultura, baixo o título ‘Mr. Barty Puppet Show’, e correrá a cargo da compañía danesa Alex Marionnettes. O segundo celebrarase o domingo, no mesmo escenario pero ás 13:00 horas. Neste caso, a compañía italiana Irene Vecchia Buratini representará ‘A Lúa e Pulchinella’. Os espectáculos son de balde, pero con invitación, que pode retirarse na casa da cultura ata o venres -ou completar aforo- en horario de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
Os espectáculos
Alex Mihailovski, nado en Macedonia pero residente en Dinamarca, está detrás da compañía Alex Marionnettes. É deseñador e manipulador de Mr. Barti, monicreque cun sistema complexo de construción co que se mantén en continua busca e estudo da perfección de movementos. A historia que traerá a Neda está baseada no mimo e a música.
Ó principio, Barti é un clásico pianista para logo transformarse nunha estrela do rock, pero tamén amosará a súa paixón por outros xéneros como o flamenco ou o pop. Un espectáculo que acaparará as miradas e provocará o sorriso continuo no espectador.
Pola súa banda, ‘A Lúa e Pulchinella’ é un espectáculo de monicreques de guante no que todas as mulleres da Terra se marchan á Lúa. Pulcinella non quere perder á súa amada Teresina, polo que tenta chegar ata ela. Para saber se o conseguirá ou non haberá que achegarse este domingo a Neda.
Discussion about this post