O Concello de Neda, a través do departamento municipal de Servizos Sociais, vén de activar un servizo de apoio para persoas afectadas de alzheimer e outras demencias e para as súas familias. Un servizo co que se quere axudar a estes veciños e veciñas a sobrelevar a situación de confinamento xerada polo estado de alarma a través dun asesoramento ás familias co que manter unha rutina activa.
Así mesmo, a través do servizo, que prestará Afal Ferrolterra -Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias, as profesionais ofrecerán ás familias pautas para facilitar o coidado nesta situación de confinamento e porá á súa disposición exercicios de estimulación cognitiva para desenvolver no domicilio. Así mesmo, e en caso necesario, prestarase apoio psicolóxico.
As persoas interesadas en acceder ao mesmo deben contactar co departamento municipal de Servizos Sociais a través do teléfono 981 38 00 39.