O GALP Golfo Ártabro Norte recibe 44 propostas de proxectos vinculados co sector mariñeiro

A entidade conta con algo máis de dous millóns de euros de orzamento para o periodo 2020-2022

O Grupo de Acción Local (GALP) do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte ten sobre a mesa un total de 44 proxectos relacionados co sector mariñeiro das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que esperan recibir finanzamento a través das axudas do Programa Fondo Europeo Marítimo y de Pesca (FEMP) para este ano 2020.

Nesta edición recibíronse 32 propostas produtivas (aquelas encamiñadas a poñer en marcha unha actividade económica que supoña a creación de emprego), que contan cun orzamento de 1,5 millóns de euros para o trienio 2020-2022 e 12 propostas cualificadas como non produtivas, que teñen algo máis de 580.000 euros de orzamento. O rango de finanzamento vai desde o 45% dalgúns proxectos ata o 80% no caso dos proxectos produtivos e do 100% nos de interese xeral.

Boa parte dos concellos e confrarías que forman parte do GALP, como Ferrol, Ares, Cabanas, Mugardos, Fene ou Narón, tamén presentaron as súas propostas para desenolver programas dentro de ámbito pesqueiro.

Entre os proxectos que se presentan destacan algúns de comercialización, envasados e etiquetaxes de produtos pesqueiros, de exaltación de produtos marítimos, melloras no postos nos mercados locais, dotacións en embarcacións, ou mesmo un proxecto de infusión con algas mariñas. Estímase que no caso dos proxectos produtivos poderían afectar a uns 20 postos de traballo.

A entidade de acción local xa remitiu a resolución adoptada onte na xunta directiva á Consellería do Mar, que terá un prazo de seis meses para resolver qué proxectos reciben finalmente o finanzamento.

Salir de la versión móvil