O Pantín Classic será a primeira gran proba da WSL en Europa este ano

"Pode ser un chute de ánimo para a comarca" cre o director do evento Marcos Rodriguez
ABANCA Galicia Classic Surf Pro 2019

A organización do Pantin Classic segue adelante co horizonte de mediados do mes de agosto para celebrar a súa 33º edición, que se converterá na primeira gran probra da World Surf League (WSL) en Europa esta tempada. A asociación internacional anunciuo o pasado mes que suspendía tódolos eventos previstos ata o 1 de xuño, aínda que tamén vanse pospoñer probas de xullo e incluso de agosto.

Non é o caso do Pantín Classic, que segue cos preparativos dunha «edición reducida», tal e como a califica o director do evento Marcos Rodríguez. «Estamos pendentes de todo e aínda hai algunhas incertezas, pero seguimos traballando para ter un evento o máis competitivo posible». Segundo o calendario do Goberno central, a partir da fase 3 (do 8 ao 25 de xuño), poderán celebrarse eventos de ata 800 persoas e con esa premisa traballan na organización desta 33º edición do Pantín Classic.

«A zona de foodtrucks, tendas e expositores non vai ser como outros anos, pero xa estamos bocetando unha nova disposición para adecuala ás normas de seguridade sanitaria que esixan as autoridades», explica Marcos Rodríguez. Haberá un control de aforo, material de seguridade para o público e incluso desde a organización valoran adquirir unha cámara térmica. «A xente terá que facer máis uso da zona da praia, pero a esencia do evento será a mesma«.

 

 

Tamén haberá cambios no aspecto deportivo, que probablemente contará cunha maior presenza de surfers europeos. «A WSL está xestionando o tema das viaxes. Normalmente veñen moitos participantes de Australia, Estados Unidos ou Brasil, pero é difícil saber se nesas datas haberá restriccións para realizar viaxes tan longons», sinala o director do Pantín Classic. O escenario máis lóxico é que acudan riders de Francia, Portugal e de España, que xa mostraron a súa disposición para participar no evento. A proba non manterá a categoría de QS10.000 para homes e mulleres como o pasado ano, pero, afirma Marcos Rodríguez que «seguirá sendo un evento de primer nivel».

A previsión é comezar o 15 e 16 de agosto coa final do Open Galego e celebrar do 17 ao 23 o Pantín Classic. «Seguimos tendo o apoio de tódalas Administracións, tanto locais como autonómicas, e do resto de entidades públicas e privadas que cada ano están detrás de nós», explica Marcos. Un dos lemas que pretenden transmitir é o de «Galicia, destino seguro. Pantín, destino seguro» co obxectivo de afrontar o temor de moitos viaxeiros a seguir visitando Galicia e a costa de Ferrolterra, que se convertiu nos últimos anos nun reclamo para os amantes do surf de todo o mundo. «O Pantín Classic pode ser un chute de ánimo para a comarca» cre Marcos Rodriguez, xa que sería un dos primeiros eventos que se celebrarían tralo inicio da desescalada.

 

 

Relacionadas