A empresa adxudicataria das obras que o Concello está acometendo na sede do Real Coro Toxos e Froles está ultimando os traballos para que a entidade poida recuperar a súa normal actividade o máis axiña posible. O concelleiro de Urbanismo fixo en días pasados unha nova visita ao edificio, que sufría graves problemas de filtracións de auga dende hai anos, e comprobou, acompañado da entidade, a situación dos traballos contratados pola concellería de Obras.
O edificio do Toxos acolle unha colección de pezas de gran valor histórico e cultural para a cidade e para toda Galicia, polo que a reparación da cuberta urxía antes de que volvesen as choivas. Durante os traballos, a retirada do antigo tellado deixou ao descuberto diversos danos en elementos construtivos de madeira que non estaban á vista, polo que foi necesario substituílos antes de comezar a colocar os novos paneis metálicos que garantirán a impermeabilidade.
Os traballos, adxudicados por un importe de 48.122,58 euros o pasado outono, comezaron a finais de decembro. Agora, superado o estado de alarma debido á epidemia da covid-19, que implicou certos atrasos, están practicamente listos.
Discussion about this post